Sunday 28 de April de 2024

O Concello aclara que o desaloxo do Ofimático é consecuencia do proxecto aprobado polo bipartito en 2009


O alcalde sinala que os acordos adoptados polo anterior goberno converteron os propietarios das actuais vivendas en promotores do polígono

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, explicou que o desaloxo que se executou no Parque Ofimático vén como consecuencia dos proxectos de reparcelación e de urbanización que foron aprobados polo anterior goberno bipartito. Neste sentido, o Concello recorda que este desaloxo se produciu tras unha orde xudicial e que se ofreceron as “mellores solucións e alternativas posibles” aos residentes na vivenda para, dentro do marco da legalidade, teñan acceso a un piso social.
“Estamos a executar un plan de hai catro anos que contemplaba unha reparcelación aprobada polo bipartito e no que se consideraba a desaparición desta casa para construír un viaduto que comunica o campus universitario de Elviña co Ofimático. Se trata dun proxecto que se ratificou no proxecto de urbanización, adxudicado tamén polo bipartito na xornada de reflexión das eleccións municipais de 2011,” sinalou o alcalde coruñés.
“Actualmente os desaloxados son promotores, de acordo ao proxecto de reparcelación que aprobou en 2009 o bipartito. Entraron como promotores porque no seu momento non venderon as súas parcelas, o que lles converteu automaticamente en propietarios de dereitos urbanísticos no Ofimático, cos dereitos e obrigas que iso leva consigo,” recordou o alcalde. No caso concreto de hoxe, segundo o proxecto de reparcelación definitivamente aprobado en Xunta de Goberno en setembro de 2009, ao propietario da vivenda adxudícaselle o 51,27% da parcela Z-08, cunha edificabilidade de 1.033,60 metros cadrados (se a superficie se divide entre 80 e 100 metros cadrados, trátase dunhas 10 ou 12 vivendas, segundo o seu tamaño).
Carlos Negreira afirmou que, “lamentablemente”, o bipartito non optou no Ofimático pola mesma fórmula que empregou para o polígono de Vioño, onde se decidiu construír un bloque de vivendas para as familias que tiveron que deixar as súas casas. Non obstante, esta solución non se contemplou cando se redactaron e aprobaron os proxectos de reparcelación e urbanización.
O Concello da Coruña mantivo contactos coa familia desaloxada para ofrecerlle unha vivenda municipal nas mellores condicións que permite a lei, e ingresáronselle as cantidades que lle corresponden e ás que ten dereito. “Do mellor xeito posible, ofrecemos as solucións que podemos coa lei na man e causando o menor dano aos implicados”, destacou Negreira. “Non” queremos “desaloxar a ninguén ata que sexan necesarios os terreos para a obra. Neste caso, necesítanse para construír o viaduto entre o campus de Elviña e a urbanización do Ofimático, engadiu.
Finalmente, o Goberno municipal quere manifestar que esta edificación está afectada tamén polo proxecto de ampliación da avenida de Alfonso Molina, que actualmente está en marcha e xa publicada a afección no boletín oficial correspondente.